Roteiro «Elas, produtoras executivas» pola provincia de Ourense
AGAPI e a Deputación de Ourense organizaron entre marzo e abril o Roteiro ‘Elas, produtoras executivas. Unha iniciativa para o empoderamento feminino’, por centros de ensino secundario da provincia de Ourense.
Xunto a outras compañeiras da profesión, como Sofía Arangüena, Alba Prol ou Jaione Camborda, tiven o pracer de acompañar á xornalista Mónica V. Lopo ao IES Blanco Amor de Ourense e presentar o documental «Elas, produtoras executivas» aos alumnos/as de cuarto da ESO e facer un pequeno coloquio con eles.
Á presentación acompañounos Simone Saibene e o seu equipo do programa Cinephilia. A partir do minuto 1 comeza a presentación do Roteiro e unha entrevista feita a Alba Prol, a Mónica V. Lopo e a min sobre o mesmo, e as nosas impresións sobre o interesante de organizar actividades coma esta:
O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro.
Máis info na páxina web de Agapi.
[…] Mónica, ademais, colaborei anteriormente no Roteiro «Elas, produtoras executivas» organizado por AGAPI e a Deputación de Ourense. Un roteiro por distintos institutos da provincia […]