Un retrato ben merecido + Premios Mestre Mateo 2023
O 2023 foi un ano de cambios para os Premios Mestre Mateo: en novembro anunciábase nun evento en Ourense que se cambiaría a celebración a esa cidade despois de varios anos seguidos na Coruña. O acto fíxose no Centro Cultural Marcos Valcárcel e acompañouse da exposición comisariada por María Yáñez «Un retrato ben merecido»:
«A cámara de Aigi Boga retratou a Sara Horta, Brais Romero, Lorena Vilas, Sandra Sánchez, Susana Veira, Marga Pazos, Lucía Catoira, Nani García, Marisela Lens, Tomás Conde, Virginia Curiá, Lorena Vilas, Antonio Pereira, Jorge Coira, Melania Cruz, Milo Baños, Tito Asorey, Alba Gallego, Pablo Lamosa, María Vázquez, Marcos Nine e David Machado. Vinte académicas e académicos que compoñen unha serie de vinte fotografías en gran formato que quere constituír unha homenaxe ás e os profesionais que, ao longo de vinte anos, teñen contribuído a enriquecer a vida da Academia«.
Foi unha honra que me chamasen para ser parte dos 20 académicos seleccionados para a exposición e para o vídeo con entrevistas feito por Manuel Silva.
En febreiro, o encontro de finalistas
A comezos de febreiro enterámonos que 3 dos 4 proxectos dende Kraken Media que presentamos aos Premios Mestre Mateo se convertían en Finalistas:
- A curtametraxe A ENTREVISTA.
- A serie web DELICIAS AMARGAS, que resultou gañadora ex aequo.
- A serie web TERAPIA DE.
E en Allariz nos xuntamos nun día pasado por neve. Outro punto que me encantou, o feito de que se celebrase este encontro en Allariz. Que orgullo sentín!
En marzo, os Premios Mestre Mateo
Por fin chegou o mes de marzo, e puidemos celebrar os Premios Mestre Mateo en Ourense, nunha gala cargada de emocións, xa que a nosa serie web Delicias Amargas obtivo o Premio Mestre Mateo ex aequo! E alá subimos Fernando Tato (director da serie e produtor de Kraken), Adrián Castieiras e eu a recollelo xunto a Raquel Nogueira, a outra gañadora ex aequo. Como dato curioso, era a primeira vez que algo así ocorría, un premio ex aequo nos Mestre Mateo!
En fin, uns meses moi intensos, de moita emoción e traballo cos que afrontar o resto do ano con moita enerxía e orgullo!
No Comments