O pasado mes de outubro fixemos uns cantos quilómetros de festival en festival coas dúas curtas que estamos movendo actualmente da man de Distribution with glasses en Kraken Films: A Entrevista e Compañeiros.

A Entrevista

Das 10 seleccións que leva, polo momento, A Entrevista, 3 foron festivais galegos que tiveron lugar en Galicia o mes de outubro: a Mostra de Curtas Vila de Noia, CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa e o Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo. E cal foi a nosa sorpresa cando en dous deles levamos premio: Mellor Actriz Silvia Lorenzo na Mostra de Curtas de Noia e o Premio do Público no Festival de Cine Inclusivo!

Ademais, a nivel nacional, este mes estivemos en Filmin dentro da programación do festival Cortogenial, onde nos deixaron unhas valoracións estupendas!

Compañeiros

Compañeiros acaba de comezar o seu camiño: en outubro estreamos na Mostra de Curtas Vila de Noia dentro da Homenaxe a Pedro Brandariz e na inauguración do festival, e estivemos tamén en CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa… onde levamos o Premio a Mellor Curtametraxe Galega! Vaia arranque!

Ademais, este mes de outubro tamén fixemos o pase para o equipo de Compañeiros na Olímpica da Coruña, por fin unha xuntanza despois dun ano no que lembramos tamén de forma moi especial ao noso querido Pedro.

Un mes movido e que nos fixo moi felices, porque con todo o traballo que hai detrás, levar tan boas noticias é sempre un pracer. Seguimos!

Para seguir todas as nosas novidades: krakenfilms.es